Elementos de Euclides

Os Elementos de Euclides (grego: Στοιχεῖα) é un tratado matemático e xeométrico constituído por trece libros escrito polo matemático grego Euclides en Alexandría contra o ano 300 a.C. Engloba unha colección de definicións, postulados (axiomas), proposicións (teoremas e construcións) e probas matemáticas das proposicións. Nestes trece volumes Euclides recompila gran parte do saber matemático da súa época, representado no sistema axiomático coñecido como Postulados de Euclides os cales, dunha forma sinxela e lóxica, deron lugar á xeometría euclidiana. Parece que Euclides pretendía reunir tres grandes descubrimentos do seu tempo: a teoría das proporcións de Eudoxo (Os Elementos. Libro V), a teoría dos irracionais de Teeteto e a teoría dos cinco sólidos regulares, que ocupaba un lugar importante na cosmoloxía de Platón. Coa excepción de Sobre a esfera movente de Autolycus de Pitane, os Elementos é o tratado grego sobrevivente máis antigo e contén o tratamento axiomático-dedutivo sobrevivente máis antigo da matemática. É unha obra fundamental na construción da lóxica e da ciencia moderna. Os Elementos de Euclides é o libro de máis éxito e influente xamais escrito. Imprimiuse por primeira vez en Venecia en 1482, é foi un dos primeiros traballos de matemática en seren impresos despois da invención da imprenta e, despois da Biblia, foi o libro que máis edicións alcanzou (máis de 1.000). Usouse como un texto básico en xeometría en todo o mundo occidental durante 2.000 anos. Ao longo séculos, cando o quadrivium estaba incluído no currículo dos estudantes de todas as universidades, o coñecemento deste texto, ou polo menos de parte del, exixíase a todos os estudantes. Non foi até o século XX cando, aínda o seu contido era ensinado universalmente nos libros didácticos, deixou de ser considerado algo que todas as persoas educadas deberían ler. E aínda hoxe é utilizado por algúns educadores como introdución básica da xeometría.


Developed by StudentB